O Cluster TIC Galicia traballa para poñer en valor o sector galego das tecnoloxías da información e das comunicacións, promovendo a cooperación entre os seus membros e desenvolvendo servizos e ferramentas que lles axuden de maneira efectiva a mellorar a súa competitividade e incrementar o seu volume de negocio.
Poden pertencer ao Cluster todas aquelas empresas TIC baixo calquera forma xurídica legalmente recoñecida que teñan o seu domicilio social ou fiscal, ou instalacións produtivas cun mínimo de tres persoas contratadas a tempo completo por ano na Comunidade Autónoma de Galicia.
Igualmente, poden formar parte do Cluster as asociacións de empresas TIC e os colexios e asociacións profesionais do eido territorial autonómico ou con demarcación territorial en Galicia que agrupen ben aos enxeñeiros ou enxeñeiros técnicos de telecomunicación ou ben aos enxeñeiros ou enxeñeiros técnicos en informática.
A efectos da súa incorporación ao Cluster, enténdese por empresa TIC aquela dedicada á creación de produtos ou a prestación de servizos de software, hardware, internet, telecomunicacións, infografía, mensaxería electrónica, multimedia, redes de mantemento, consultaría, formación, creación e distribución de contidos e demais actividades presentes e futuras relacionadas directa ou indirectamente coas tecnoloxías da información e das comunicacións.