Premios

Bases

1. OBXECTIVOS
Coa convocatoria destes premios, o Clúster TIC Galicia busca estimular e recoñecer a labor de creación dos empresarios que, sentíndose comprometidos coa creación e expansión de tecido produtivo baseado na Sociedade da Información en Galicia, deseñan, programan, desenvolven, implantan ou usan produtos e servizos galegos que teñen na innovación e no uso das novas tecnoloxías a súa razón de ser.

2. REQUISITOS DOS SOLICITANTES
Poderán presentar as súas candidaturas a estes premios empresas e profesionais que realicen proxectos no campo das tecnoloxías da información e as  comunicacións, tanto como provedores como entidades usuarias de produtos e servizos TIC galegos.

De se comprobar o incumprimento das condicións recollidas nas bases ou de se incluíren datos falsos na documentación remitida, o Clúster TIC Galicia resérvase o dereito de denuncia e os proxectos serán rexeitados.

3. CATEGORÍAS
As CATEGORÍAS dos Premios CLÚSTER TIC GALICIA 2016 son as seguintes: 

3.1. Premio á INNOVACIÓN: Recoñece o proxecto empresarial de I+D+i mais innovador entre o período da última concesión do premio e esta concesión.

Criterios de valoración:
-Relevancia empresarial resultados do proxecto
-Labor investigadora e vangardista
-Capacidade de disrupción

Presentar candidatura PREMIO Á INNOVACIÓN

3.2. Premio á INTERNACIONALIZACIÓN: Recoñece ao mellor novo proxecto empresarial de internacionalización do sector TIC Galego.

Criterios de valoración:
-Alcance do proceso de internacionalización
-Innovación na metodoloxía de internacionalización

Presentar candidatura PREMIO Á INTERNACIONALIZACIÓN

3.3. Premio LIDERADO TIC: Outorgase á empresa TIC galega que mellor teña exercido o liderado no sector TIC entre o período da última concesión do premio e esta concesión.

Criterios de valoración:
-Colaboración con outras empresas
-Exemplos de innovación aberta

Presentar candidatura PREMIO LIDERAZGO TIC

3.4. Premio START-UPs: Outorgase á mellor startup galega que non supere os 4 anos de antigüidade.

Criterios de valoración:
-Capacidade de disrupción
-Uso de tecnoloxía ou coñecemento de última xeración

Presentar candidatura PREMIO START-UPs

3.5. Premio SOFTWARE LIBRE: Outorgase ao mellor proxecto de software libre do sector TIC galego presentado entre o período da última concesión do premio e esta concesión.

Criterios de valoración:
-Impacto do proxecto
-Utilidade do proxecto
-Reacción da comunidade

Presentar candidatura PREMIO SOFTWARE LIBRE

3.6. Premio MÁRKETING DIXITAL: Outorgase ás mellores iniciativas relacionadas coa Publicidade Online, os medios sociais e outras ferramentas comunicativas nacidas na Rede. 

Criterios de valoración:
-Integración en diferentes soportes e tecnoloxías
-Orixinalidade e creatividade
-Planificación
-Resultados finais obtidos

Presentar candidatura PREMIO MÁRKETING DIXITAL

4. SISTEMA DE VOTACIÓN
Crearase un Comité Avaliador Experto que non teña ligazón algunha coas candidaturas presentadas. Os membros do xurado daranse a coñecer tras o acto de entrega dos galardóns.

Unha vez que se realice a votación do xurado, farase pública unha lista con tres finalistas por categoría, sendo segredo o gañador de cada unha ata o momento da Gala de entrega dos Premios.

O Xurado resérvase o dereito de declarar deserto un ou varios premios no caso de non recibir ningunha candidatura ou se as presentadas non teñen a calidade suficiente como para ser premiadas.

5. GALARDÓN
As candidaturas gañadoras e finalistas recibirán un trofeo representativo e exclusivo. Non comportan dotación económica, ao tratarse de galardóns de honra que distinguen a calidade. Os galardóns serán entregados nun acto específico que dará visibilidade aos finlistas e galardoados.

Os premiados poderán facer publicidade do galardón sempre que se especifique claramente en lugar visible o ano e categoría premiada.

6. DOCUMENTACIÓN
Os interesados en presentar unha candidatura aos premios CLUSTER TIC GALICIA 2016 deberán facelo exclusivamente a través da web www.clusterticgalicia.com. Para elo, deberán cubrir o formulario online e axuntar a documentación que consideren oportuna.

A documentación complementaria enviarase á conta de correo info@clusterticgalicia.com, indicando no asunto do correo a categoría do premio e nome da entidade (px.Premio á INTERNACIONALIZACIÓN - Empresa XXX). O conxunto dos arquivos axuntos non deberá sobrepasar os 5MB, en caso de sobrepasalos recomendase utilizar espazos como dropbox, drive, wetransfer...

Aquelas entidades que resulten finalistas deberán enviar un vídeo de presentación do proxecto. Duración máxima 40 segundos. Este envío será realizado unha vez se coñezan os finalistas.

7. PRAZO E LUGAR DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS
O prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de novembro de 2016 ás 23:59 horas.

A presentación das candidaturas poderá facerse unicamente a través do portal www.clusterticgalicia.com. Como data de presentación entenderase a de recepción do formulario.

En caso de se producir algún tipo de incidencia ou dúbida no proceso de presentación da candidatura, os candidatos poden dirixirse a info@clusterticgalicia.com ou ao teléfono 881 939 651 para solicitar información ou expoñer a incidencia ocorrida.

8. ASPECTOS LEGAIS
A organización resérvase o dereito de modificar as bases dos premios, parcial ou totalmente, en calquera momento. Estas modificacións constarán na web oficial dos premios www.clusterticgalicia.com, entendéndose que os candidatos coñecen e aceptan a última versión que delas conste publicada na devandita web.

O feito de presentar a candidatura aos premios implica a aceptación destas bases na súa totalidade.

O Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia ou, no seu caso, a comisión na que delegue, será a única instancia autorizada para a interpretación das presentes bases, para o cal poderá solicitar os informes ou asesoramento que considere oportunos, e as súas decisións serán inapelables.