Novas

26-01-2017

Empresas e investigadores galegos deseñan un sistema de xestión intelixente do alumeado público

Un consorcio de empresas de enxeñaría e investigadores da Universidade de Vigo e Gradiant leva un ano traballando nunha iniciativa innovadora para deseñar un sistema de xestión intelixente do alumeado público para as cidades galegas. O proxecto, denominado Candela, foi un dos seleccionados na convocatoria ConcectaPeme e ten como obxectivo avanzar no eido das smart cities coa creación dun conxunto de solucións que permitan medir, modelar, optimizar e actuar en tempo real sobre todo o sistema lumínico público urbano. O consorcio está formado por catro empresas (Setga, que lidera o proxecto, Sistemas Audiovisuales Itelsis, Inteco Ingeniería Avanzada e Ingeniería Insitu) xunto co Grupo de Tecnoloxía Enerxética da Universidade de Vigo e Gradiant. Neste proxecto, os membros do consorcio empregan as últimas tecnoloxías dixitais como os sensores Lidar (Light Detection and Ranging), o big data, o IoT e as novas tecnoloxías de LED.

O proxecto propón un modelo de “luminaria intelixente e conectada, seguindo os conceptos do internet das cousas", como explican os investigadores, que permita realizar a avaliación de estado actual e teña capacidade de control e comunicación dende un centro de control dentro dun concepto de cidade intelixente. É dicir, trátase de que a propia lámpada calibre o seu estado, medindo o consumo, a esperanza de vida, etc. para adaptar a iluminación ás necesidade de cada momento e de cada lugar e para contar cun sistema de control máis eficaz e automatizado. Ata o de agora, cos sistemas actuais de luminarias convencionais “non é posible a optimización das redes adaptándoas ás demandas e ao espazo urbano ao que se pretende dar servizo”.

Candela, subvencionado por la Axencia Galega de Innovación, arrancou en febreiro de 2016 con dous anos de medio de duración total e un orzamento de 863.442,78 €.

Finalidade do proxecto

Con este proxecto, empresas e centros de investigación tratan de reducir o custe enerxético do alumeado público mediante a mellora da súa regulación a través de controis en-liña e automatizados, ao tempo que se mellora tamén o mantemento das instalacións a partir de detección temperá de incidencias. Por outra banda, tratarase de mellorar a percepción visual que a cidadanía ten das instalacións, optimizando a súa xestión e aumentando a seguridade viaria apostando por unha regulación da iluminación adaptativa a condicións climatolóxicas cambiantes e polo deterioro progresivo das instalacións. Ao tempo, esta iniciativa persegue aumentar a precisión do coñecemento das condicións reais das instalacións de luminarias nas vilas e cidades a través da automatización do inventario e do proceso de auditoría continuada e busca optimizar de forma continua o gasto enerxético da infraestrutura mediante o uso de procesos de simulación. Paralelamente, traballan para facilitar a toma de decisións administrativas a partir da xeración de información visual entendible, así como para facilitar e axilizar a toma de decisións técnicas a partir da xeración de baterías de simulacións e para mellorar a comunicación coa cidadanía relativa aos servizos de alumeado público existente e posibles melloras.

Os investigadores destacan que os desenvolvementos que están levan a cabo permitirían acadar catro obxectivos prioritarios. O primeiro deles é a redución do tempo de operacións durante o ciclo integral de proxecto nun 97%, diminuíndo o número de horas e meses empregados de 30 meses a un mes en infraestruturas medias de 30.000 puntos de luz. Por outra banda, buscan a conectividade participativa con toda a infraestrutura de alumeado a través dunha rede IoT – LPWA, así como a adaptación dos parámetros lumínicos aos ritmos circadianos da poboación e os niveis de actividade urbana mediante sistemas de sensorización integrada IoT. Finalmente, o cuarto obxectivo é potenciar a capacidade de implementar unha auditoría verificadora sobre os niveis lumínicos na totalidade da infraestrutura de alumeado público, corrixindo instantaneamente as desviacións reais experimentadas polos principais parámetros luminotécnicos ata o final da vida útil, dende o fluxo lumínico á temperatura de cor.