Novas

25-04-2018

Muutech Monitoring Solutions incorpórase ó Clúster TIC como novo asociado

A startup Muutech Monitoring Solutions, con sede en Nigrán, súmase ao Clúster TIC Galicia. Trátase dunha empresa nova, fundada en 2017 e con sede en Nigrán, que ofrece servizos integrais de monitoraxe cloud para realizar de forma sinxela e escalable a recollida, a análise predictiva e o almacenado de datos en tempo real.

Muutech está dirixida a entornos de sistemas de información, industriais e de produción. A súa principal ferramenta de monitoraxe é Zabbix, coa que as empresas poden recoller e visualizar datos de diferentes fontes, como autómatas, sensores, bases de datos, servidores, equipos de comunicación, etc. Ademais, este sistema pódese colocar en lugares de difícil acceso ou que se atopan en movemento, abrindo as posibilidades de recollida de información en todo tipo de contornas complexas.

Esta nova empresa asociada incorpora ademais outras ferramentas, tanto de software libre como de desenvolvemento propio, ademais de servizos de consultoría e soporte.

Con esta última incorporación, o Clúster TIC alcanza xa os 102 membros asociados.