Novas

17-06-2010

A Asemblea Xeral Ordinaria apoia a iniciativa de impulsar un gran pacto tecnolóxico-industrial para Galicia

clip_image002

• Os membros do Cluster TIC ratificaron tamén a posta en marcha dun ambicioso plan de captación de investimentos, cuxa primeira actividade será un evento no que participarán os principais fondos de capital risco e que terá lugar no mes de xullo.

O Cluster TIC Galicia celebrou hoxe en Santiago de Compostela a súa Asemblea Xeral Ordinaria. Na xuntanza, os máis de cen membros da organización aprobaron o informe de xestión presentado polo equipo directivo que encabeza Rafael Valcarce Baiget, ratificaron a incorporacion dos novos membros da organización e deron luz verde ao Plan Operativo Anual e ao Presuposto e Contas de 2010.



Ante a Asemblea, Rafael Valcarce destacou a importancia das Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (TIC) no conxunto da economía galega e sinalou a necesidade de que este “sexa percibido non só como un motor para impulsar a outros, senón tamén como un sector en si mesmo”. O Cluster ten tomado ao seu cargo este labor, desenvolvendo nos últimos catro meses un intenso traballo tanto de organización interna como de posta en marcha de iniciativas e interlocución coas administracións públicas e a sociedade civil.

O presidente do Cluster TIC recordou os principais obxectivos da entidade, dentro do marco da defensa dos intereses das entidades integradas na organización e do fomento da Sociedade da Información en Galicia, e detallou ante a Asemblea os traballos levados a cabo para a constitución dos órganos de Cluster. Os membros da entidade ratificaron a composición do Comité de Dirección e o proceso de selección do xerente da entidade. A Asemblea aprobou tamén a constitución dos doce grupos de traballo impulsados desde o Comité Estratéxico. Entre estes grupos atópase o que se ocupará da remodelación dos estatutos para facilitar a integración no Cluster de todas as asociacións galegas do ámbito das TIC. Os demais grupos de traballo centran o seu labor en asuntos como Globalización e Internacionalización; Innovación e Demanda Temperá; Investigación e Desenvolvemento; Formación; Relacións Internacionais e Coñecemento, e Markentig e Dinamización Intra-empresas, entre outros.

De cara ao futuro inmediato, a Asemblea apoiou a proposta de poñer en marcha un gran pacto tecnolóxico-industrial para Galicia. Trátase dun marco dentro do cal cada sector produtivo definirá un plan de demanda anticipada, e artellarase por medio dun diálogo profundo entre as administracións, os axentes sociais, os sectores empresariais, industriais e tecnolóxicos e o sistema educativo. O Cluster TIC Galicia liderará e coordinará o papel das empresas tecnolóxicas, facendo valer o carácter transversal das súas solucións para avanzar na modernización da industria galega e na mellora da súa competitividade.

Capital Risco

Outra das iniciativas do Cluster TIC apoiadas pola Asemblea é un plan para a atracción de investimentos nos sectores TIC. A entidade comprométese a captar 200 millóns de euros en catro anos. Para iso, traballará cos fondos e sociedades de capital risco e coas axencias públicas de promoción económica. Quérese deste xeito atraer start-ups e empresas do sector das tecnoloxías das Telecomunicacións. Preténdese, asemade, que o fenómeno da deslocalización vire o seu sentido e teña unha repercusión positiva na creación de postos de traballo na Comunidade Autónoma. Nesta liña, a primeira iniciativa concreta será a organización dun evento no que participarán as 15 principais sociedades de capital risco que operan en España no ámbito das TIC. Terá lugar en Santiago de Compostela os vindeiros 6 e 7 de xullo.

A Asemblea ratificou tamén un plan para impulsar un cambio de mentalidade en todos os ámbitos da sociedade galega, de cara a impulsar a demanda anticipada das novas tecnoloxías, considerando a este sector como clave para o desenvolvemento do país. Para isto, o Cluster TIC ten invitado á Xunta de Galicia a “implicarse como aliado e motor do sector”.

Tal e como se comunicou á Asemblea, esta serie de iniciativas foron xa presentadas ao presidente da Xunta de Galicia e á secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, nunha xuntanza que tivo lugar o pasado día 15 de xuño.

Novos membros do Cluster

As novas incorporacións ao Culster TIC Galicia ratificadas pola Asemblea Xeral foron as das empresas IG Documentación, Eumelec, Matchmind, Imaxina e Crossnet. Deste xeito, o Cluster agrupa xa un total de 104 membros: 95 empresas, 4 asociacións empresariais e 5 asociacións e colexios profesionais. Os seus membros teñen unha facturación anual conxunta de máis de 2.000 millóns de euros e sosteñen máis de 8.600 empregos directos.

Jorge Cebreiros, secretario do Cluster TIC Galicia; Rafael Valcarce, presidente; Antonio Rodríguez, vicepresidente, e Ricardo Fernández, tesoureiro (de esquerda a dereita), hoxe na Asemblea Xeral Ordinaria da entidade.