Novas

06-07-2010

‘Vindeira Capital Network’ comeza a tecer a rede que permitirá converter o talento en realidades empresariais

O conselleiro Economía e Industria inaugurou o encontro que durante dous días reúne a emprendedores do sector cos principais fondos de capital risco e ‘business angels’







Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria, animou hoxe aos inversores a apoiar os proxectos “serios e viables” impulsados por emprendedores e empresas galegas do sector TIC. Segundo sinalou o conselleiro, a colaboración entre os fondos de capital risco privados, as empresas e as administracións públicas é unha fórmula axeitada para impulsar o avance da economía.

Guerra fixo estas declaracións na inauguración do Primeiro Encontro Vindeira Capital Network, o evento que reúne hoxe e mañá en Santiago de Compostela a emprendedores galegos do sector TIC cos principais fondos de inversión e business angels de España. O conselleiro de Economía destacou o acerto da iniciativa e defendeu a importancia do sector TIC tanto como sector económico en sí mesmo como pola súa condición de dinamizador do resto de tecido produtivo. Guerra indicou tamén que, en tempos de crise, cómpre superar a aversión ao risco e atreverse a pensar de xeito diferente para poder prosperar, condicións ambas que, segndo sinalou, reúne o sector TIC galego.

Pola súa banda, Ricardo Capilla Pueyo, director xeral de I+D+i, salientou, en rolda de prensa previa á inauguración oficial do evento, a necesidade que teñen as empresas de contar con “músculo financeiro” para acadar os seus obxectivos de crecemento e, nese senso calificou de “brillante e pioneira” a iniciativa de Vindeira Capital Network, invitando a outros sectores a poñer en marcha accións similares. Capilla sinalou tamén a importancia do sector TIC para o conxunto da economía galega, máis alá da súa condición de motor da innovación.

Na mesma rolda de prensa, Rafael Valcarce Baiget, presidente do Cluster TIC Galicia, salientou que Vindeira Capital Network é o fruto da proactividade e da capacidade de diálogo e entendemento do sector galego das Tecnoloxías de Información e das Comunicacións. Indicou a importancia de que por primeira vez se dean cita en Galicia as quince principais firmas de capital risco de España e mostrouse convencido de que ao longo das dúas xornadas do encontro se porá de manifesto que “en Galicia hai talento e capacidade para a innovación”.  Valcarce fixo tamén fincapé na necesidade de crecemento das empresas TIC de Galicia que, segundo afirmou, constitúen un sector consolidado e que ha ser tido en conta en canto tal.

Dez millóns de euros para cofinanciar o proxecto

Pola súa parte, Antonio Rodríguez del Corral precisou que no encontro se presentarán polo miudo oito proxectos de empresas e emprendedores galegos do sector TIC, máis outros oito que tamén se darán a coñecer aos inversores, ainda que cun formato de presentación máis breve. Rodríguez del Corral indicou que o montante global que aspiran a conseguir os emprendedores participantes para cofinanciar os seus proxectos está en torno aos dez millóns de euros. Con todo, Rodríguez del Corral indicou que conseguir financiación para os proxectos que se presentan é só un dos dous principáis obxectivos de Vindeira Capital Network, xa que a iniciativa pretende ser o primeiro paso para constituir unha rede de apoio á creación de novas start-ups en Galicia. “Confiamos en crear un clima de traballo para avanzar cara a creación desa rede e que o encontro se repita cunha periodicidade anual, xa sexa de xeito presenciao ou on-line”, engadiu.



Cara a unha estrutura estable de financiamento

Vindeira Capital Network é unha iniciativa lanzada conxuntamente polo Cluster TIC Galicia, a Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC - Vindeira e o Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia – Gradiant para sumar forzas cara ao obxectivo de construir un sector TIC galego que sexa referencia en España, en no contexto internacional.

Os proxectos que participan no I Encontro Vindeira Capital Network abranguen un amplo abanico de nichos de mercado, que van desde o e-Goberno ata as redes sociais, a seguridade das transaccións en Internet ou o gaming. Fronte aos emprendedores, sitúanse analistas, conselleiros delegados e directores de investimento dos máis importantes fondos de capital risco e business angels a nivel nacional en materia TIC, cuxo rango de investimento sitúase entre os 100.000 e os 6 millóns de euros. Trátase das seguintes entidades: Active Venture Partners, Adara, Alta Partners, Bullnet, Emerxía, G8 Capital, Going, Highgrowth, Inveready, Perennius, Enisa, NEOTEC, DADE, Factoria Dixital de Ideas e Intercom. A estas quince entidades súmanse axentes de capital risco galegos, como Xesgalicia, Crecentia, Unirisco e Vigo Activo.

A innovación tecnolóxica nas TIC pode ser un proceso lento e duro para os emprendedores que intentan sacar adiante a súa idea en solitario. Isto fai que sexa de suma importancia dispor de vías de contacto con co-investidores públicos ou privados que poidan axudar a sacar adiante o proxecto.

Vindeira Capital Network pretende constituír unha canle que dea resposta a esa necesidade. Trátase dunha iniciativa que forma parte dun proxecto máis ambicioso, orientado a crear unha estrutura estable de capital risco público-privado que permita duplicar o investimento en I+D+i das empresas TIC galegas e contribuír á consolidación e á competitividade do sector.

O encontro nace co obxectivo de fomentar relacións estreitas coas máis importantes entidades de capital risco en España dentro do sector TIC e contar así cunha rede de co-investidores potenciais.

Mediante Vindeira Capital Network preténdese consolidar o sector TIC galego, conseguindo unha masa crítica de empresas orientadas á creación de produtos tecnolóxicos con vocación internacional, que permitan situar a industria TIC de Galicia como un referente recoñecido a nivel europeo. Así pois, trátanse de seguir os pasos necesarios para apoiar o desenvolvemento de masa empresarial no sector, en colaboración coas empresas, as universidades e a administración, e cos axentes existentes ou futuros con interese en realizar actividades e proxectos de I+D+i. Todo iso a través dun modelo de xestión que estimule a xeración de propostas e a materialización de compromisos de execución.

Acerca dos organizadores do evento

O Cluster TIC Galicia reúne máis dun centenar de empresas, asociacións empresariais e asociacións e colexios profesionais co obxectivo de desenvolver estratexias para incrementar o peso do sector TIC na economía galega e impulsar o avance da Sociedade da Información.

Vindeira, a Plataforma Tecnolóxica Galega das TIC, é o foro creado polas empresas e institucións do sector para representar os intereses asociados á investigación, o desenvolvemento e a innovación.

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia, GRADIANT (Galician Research and Development Center in Advanced Telecommunications) ten como obxectivo aliñar a I+D universitaria coas demandas empresariais, xogando un papel fundamental na xeración e transferencia de coñecemento en TIC cara ás empresas.