Novas

19-05-2014 Membro do Comité de Dirección do Clúster TIC Galicia

Entrevista a Rafa Villaverde

Representante de Infonet

Rafa Villaverde, naceu en Pontevedra no ano 1977, leva en contacto coa informática desde os 13, de formación autodidacta, á idade de 23 decidiu poñer en práctica os estudos universitarios que estaba cursando en ADE pola USC e emprender no sector das TIC coa creación de INFONET, onde continúa na actualidade. Foi promotor desde os seus comezos de eventos como GALICIANET e dispón de diversas certificacións en tecnoloxías de diferentes fabricantes como Microsoft ademais de perito xudicial informático.

¿Qué destacaría  da situación actual do Clúster y cal sería o principal obxectivo a conseguir durante o seu mandato?


O Clúster vive un momento decisivo para consolidar a unidade do sector, un sector caracterizado por ser moi heteroxéneo, na que conviven empresas moi diferentes en tamaño, en especialización, en capacidade, en carteira de produtos, … mais é esa biodiversidade a que enriquece ao Clúster e demostra que Galicia é unha terra fértil en empresas tecnolóxicas, nas que existe detrás unha gran equipa humana e profesional traballando, algunhas cunha importante capacidade comercial para captar oportunidades de negocio e incluso con sedes internacionais; o éxito será conseguir que nos convertamos nunha gran factoría das TIC baixo o paraugas do Clúster, mais dependerá en grande medida da vontade, capacidade, entendemento e cooperación de todos os que forman o Clúster: tanto das grandes que non hai moito nacían nun garaxe, como das pequenas que agora de forma semellante tan só queren ter a oportunidade de medrar para poder ser un pouco máis grandes. Por diante quédanos o reto da especialización, de coñecernos, de colaborar, de xerar sinerxías, de confiar, … e cun obxectivo que deixaron claro os socios por riba de todo: xerar negocio.

Coa responsabilidade adquirida como membro do CODI ¿qué obxectivos se marca?

A tarefa encomendada ten como obxectivo elaborar un mapa dos produtos e servizos TIC que actualmente teñen os socios. É unha tarefa precisa, concreta e cunha duración limitada no tempo, que require a colaboración de todos os socios e que nos permitirá ter un maior grao de coñecemento de quén somos, cómo somos e qué temos que ofrecer ao mercado. Para a súa execución xa comezamos a traballar realizando reunións entre os membros que temos delegada dita responsabilidade.

Paralelamente, estamos traballando nunha folla de ruta con accións concretas para a súa aprobación en próximos Comités de Dirección que nos permitan ao longo deste ano dinamizar as nosas empresas, atopar proxectos tractores, fomentar a colaboración e a confianza e prepararnos para enfocar a innovación e a especialización ao redor das novas vías de financiación europeas, sen esquecernos da economía real, a que nos da de comer. Queda moito por facer nun contexto complexo, o camiño é longo, mais o importante é que xa comezamos a percorrelo.