Antonio Rodríguez del Corral, reelixido presidente do Clúster TIC Galicia para os próximos tres anos

Óscar Santos Rodríguez,

Antonio Rodríguez del Corral, reelixido presidente do Clúster TIC Galicia para os próximos tres anos


Antonio Rodríguez del Corral resultou reelixido presidente do Clúster TIC de Galicia, en representación da empresa Cinfo, ao liderar a única candidatura presentada ás eleccións do organismo. Os comicios celebráronse onte durante unha Asemblea Extraordinaria na que tamén se elixiu o Comité de Dirección (CODI).

A continuidade nas liñas de actuación marcará a actividade do novo equipo que estará ao fronte da asociación de empresas tecnolóxicas galegas durante este novo mandato de tres anos. Así, se mantén ao 80% dos dezaseis membros pertencentes ao CODI saínte, resultando electos no apartado de Grandes empresas TIC: Altia, Bahía, Everis, Idom, Imatia, R  Cable, Satec e Plexus e no apartado de pequenas empresas TIC: APDTIC,  Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Dos Espacios,  Itelsis, Librebit, Sixtema, Visual Plubinet e Xoia. O CODI estará aberto á participación dos socios, que poderán aportar as súas iniciativas ou opinións e participar nas diferentes áreas de traballo, de forma presencial ou telemática, coma na anterior etapa.

O pasado período concluíu coa aprobación do proxecto da Cidade das TIC e de Galicia Turistic, dous proxectos cun alto potencial para o futuro da entidade, a incorporación do Cluster TIC como membros fundadores nos Digital Innovation Hubs de Galicia e o lanzamento do Programa de Obradoiros e Subvencións á dixitalización, dotado con máis de 7 millóns de euros. Tamén se fixo un importante esforzo pola xeración de talento tecnolóxico, coa activación do programa Campus Dual e a participación na iniciativa Dixitalent, en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), así como na internacionalización das empresas socias.

Nesta nova etapa, Rodríguez del Corral e o seu novo equipo, traballarán agora en darlle “un novo pulo” ao sector tecnolóxico galego, materializando un programa ambicioso centrado en impulsar as TIC galegas nun novo ciclo económico marcado pola transformación dixital. “Abrirá novas oportunidades de negocio para facer crecer as nosas empresas, pero tamén para superar o mercado nacional e establecernos como sector económico exportador, como ocorre nas economías máis avanzadas”, sinala o presidente do Clúster TIC Galicia.

Para isto, potenciarase a colaboración público-privada, así coma con outras asociacións do sector para impulsar a capacitación, a innovación e a implantación das TIC, incentivando tamén as axudas á xeración de negocio para os socios. Ademais, desenvolveranse as liñas de actuación dos hubs de innovación e da Cidade das TIC.

Outro dos obxectivos claves deste novo mandato será estimular a internacionalización en Europa e as sinerxías entre as empresas socias, coa creación de miniclústeres internos que dean como resultado propostas de valor máis competitivas de cara ao exterior que atraian novos proxectos. As accións encamiñadas a captar novos profesionais ao sector, impulsando as competencias dixitais e profesionais, en liña cos programas Europa Dixital, España Dixital 2025 e a Estratexia Dixital de Galicia 2030, serán outras das metas do programa.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies