As empresas socias do Clúster TIC Galicia regresan da feira tecnolóxica eMerge Americas de Miami (EUA) con sensacións moi positivas tras unha intensa axenda de reunións, presentacións e toma de contacto co ecosistema tecnolóxico da cidade, un dos polos emerxentes máis relevantes dos Estados Unidos e porta de entrada tanto a este mercado como ao latinoamericano.
O evento, celebrado o pasado 24 e 25 de abril, e as actividades paralelas con organismos clave, como Abanca USA ou o Miami-Dade Beacon Council, permitiu ás compañías galegas avaliar oportunidades de negocio, coñecer as dinámicas do mercado norteamericano e establecer conexións clave para futuros acordos de colaboración.
Santiago Paz Noya, vicepresidente de Pequenas Empresas do Clúster TIC Galicia e CEO de Dos Espacios, sinala que o principal obxectivo da súa participación nesta misión comercial foi "desenvolver un piloto no mercado local que permita testar se ten encaixe para crear unha empresa in situ".
Entre as reunións mantidas, destaca a de Abanca, pola calidade e utilidade do asesoramento recibido, cualificándoo de alto valor estratéxico.
Pola súa banda, Manuel Meijide, CEO de Ilux Visual Technologies e cofundador de ScanMeNow e Peragallo, afirma que a misión lle permitiu obter unha aproximación real das posibilidades de establecemento no mercado americano. "Puidemos identificar os axentes adecuados para esta posible implantación, coñecendo de primeira man os pasos necesarios para realizalo", comenta
Durante a feira eMerge presentaron solucións de visualización avanzada xeradas por intelixencia artificial, confirmando o interese neste produto, "a día de hoxe, único a nivel mundial" -apunta-, e a gran oportunidade de escalado que suporía a incorporación ao mercado norteamericano.
Meijide considera, ademais, que Miami está a consolidarse como unha cidade de referencia no ámbito tecnolóxico, cun forte crecemento e presenza de fondos de investimento.
Desde Cinfo, o seu xerente de vendas, Diego Lago, pon o foco na importancia de comprender o ecosistema local antes de tomar decisións estratéxicas. A súa participación estivo motivada pola presentación no evento das súas solucións de plataformas e cámaras para instalacións deportivas. Neste sentido, incidiu en que o apoio das institucións españolas e galegas presentes no territorio é clave para facilitar a entrada no mercado. “Se se consegue acceder, o esforzo compensa polos marxes que se manexan”, declara.
Jesús Lage, CEO de Bimbio, explica que se sumaron á misión comercial co obxectivo de "entender o mercado de Florida, identificar oportunidades de negocio, establecer contactos estratéxicos e analizar tendencias tecnolóxicas aplicables ao noso sector".
Na feira aproveitaron para presentar as súas solucións e capacidades, alén de manter diferentes reunións para informarse sobre os diferentes aspectos relacionados cunha posible implantación na rexión (legais, loxísticos, laborais, etc.). "Consideramos que existe un alto interese no país en establecer colaboracións internacionais e o mercado estadounidense ofrece oportunidades reais de implantación, especialmente en contornas dixitais e tecnolóxicas, identificando como maior barreira de entrada o investimento necesario", apunta.
Consolidación do sector TIC galego no exterior
A participación en eMerge Americas confirma o interese das empresas galegas por expandirse a mercados internacionais e reforza o papel do Clúster TIC Galicia como axente facilitador deste proceso, co apoio fundamental doutras institucións como o ICEX e o Igape.
A través deste tipo de iniciativas, a entidade contribúe a mellorar a competitividade das súas compañías socias, favorecer a súa proxección exterior e posicionar o noso territorio como un referente tecnolóxico en crecemento.
Comentarios