Dende o Clúster TIC Galicia vimos de concluír o ciclo de relatorios que organizamos desde abril en trece centros educativos galegos, no marco do programa "Que non te líen, ti elixes", co obxectivo de derrubar estereotipos de xénero entre o alumnado de 3º e 4º da ESO á hora de escoller a súa vocación profesional, poñendo o foco naqueles ciclos con menor presenza feminina.
A través desta iniciativa, promovida pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta, distintas profesionais de empresas socias da entidade ofreceron charlas didácticas para convidar á reflexión e xerar debates relacionados coa fenda de xénero no ámbito das TIC.
Desde aquí queremos agradecer a todas as mulleres referentes, profesionais das nosas empresas socias, que participaron na iniciativa, achegando a súa experiencia persoal e profesional para incentivar o talento libre de prexuízos:
Esta é a cuarta convocatoria na que participamos, poñendo en valor o papel destas mulleres de éxito profesional como fonte de inspiración para estimular o espírito crítico na identificación de estereotipos sexistas asociados a determinadas profesións masculinizadas, contrastar as condicións laborais en diferentes ámbitos e sectores profesionais ou poñer en común datos sobre a representación feminina nos ciclos de FP e profesións masculinizadas.
Comentarios