O Clúster TIC Galicia participa por primeira vez e con stand propio na prestixiosa feira internacional GITEX Global 2025, que se celebra dende hoxe ata o 17 de outubro en Dubái. Faino xunto a seis empresas socias, Quobis, Inverbis Analytics, Situm, Tarlogic, CTL e 2bedigital, que representan a metade das compañías españolas que asistirán ao evento.
Coa súa presenza, no stand H25-E45 do pavillón 25, buscan abrirse mercado no Golfo Pérsico e explorar novas oportunidades de negocio en Emiratos Árabes Unidos e outros países, como Arabia Saudí ou Qatar. “Sabemos que hai unha predisposición destas economías a colaborar con empresas como as nosas, o que supón unha excelente oportunidade para dar a coñecer o potencial tecnolóxico galego”, explica Iago Soto, responsable do Grupo de Traballo de Internacionalización do Clúster TIC Galicia e CEO de Quobis.
Este evento, que este ano chega á súa 45 edición, é un dos máis relevantes a nivel internacional no ámbito da tecnoloxía, a innovación, o emprendemento e transformación dixital, polas súas dimensións e porque supón unha porta de entrada aos mercados de Oriente Medio e Asia.
En 2024 acadou un récord de participación, con máis de 6.500 expositores, 1.800 startups, 1.200 investidores e representantes de gobernos de máis de 180 países, así como 200.000 visitantes. Iago Soto asegura que un dos seus atractivos radica en que acolle a responsables de tecnoloxía de toda a rexión, “con menor prevalencia de compañías americanas e maior presenza de firmas asiáticas”, apunta.
Proxectos innovadores
Quobis, Tarlogic, Situm, Inverbis Analytics, CTL e 2bedigital, co apoio do Clúster TIC Galicia, presentarán en GITEX Global 2025 os seus servizos e algúns dos seus proxectos.
En concreto, desde Quobis, con sede na área de Vigo, como expertos en servizos de interconexión e seguridade para redes de voz, van presentar solucións dirixidas a operadores de telecomunicacións e grandes empresas, que garanten a seguridade nas chamadas de telefonía e evitar o spam telefónico, intentos de fraude ou suplantación de identidade mediante intelixencia artificial, entre outros.
A empresa de ciberseguridade Tarlogic, con oficinas na Coruña, propón un modelo de Managed Estended Detection and Response (MxDR) no que o Threat Hunting -a busca activa de ameazas ocultas- se converte nunha pedra angular, combinando capacidades con outros servizos como Incident Response, Threat Intelligence, Vulnerability Management, Unitary Testing e Business Digital Protection, co que se persegue pechar puntos cegos e mellorar a velocidade de detección e a coordinación na resposta ante ameazas no complexo panorama cibernético actual.
Situm, con presenza na Coruña, está especializada en tecnoloxía de posicionamento en exterior e interior con alta precisión e mínima infraestrutura. No marco da feira, presentará os últimos avances en GAIA, a súa solución para a xestión intelixente de información xeoespacial en interiores.
A empresa de tecnoloxía e innovación Inverbis Analytics, con base en Lugo, aproveitará a súa presenza en GITEX Global para amosar o seu proxecto SALUSBENCH, que pretende axudar a centros hospitalarios a mapear todo o percorrido do paciente, conectando datos clínicos e administrativos da Historia Clínica Electrónica (HCE), programación e facturación co obxectivo de mellorar o control, a eficiencia e a experiencia dos usuarios.
A axencia de márketing 2bedigital, de Santiago de Compostela, desenvolve solucións personalizadas para marcas de moda, calzado e retail, axudándolles a escalar de forma eficiente, a través da automatización impulsada por IA, intelixencia avanzada de datos e experiencias inmersivas en 3D/AR para aumentar as conversións, reducir devolucións e maximizar o ROI.
CTL, con sede en Vigo, está especializada no deseño, fabricación e comercialización de produtos Chrome OS, como Chromeboxes e Chromebooks, ademais de ofrecer licenzas de Chrome OS para Educación, Empresas, Kiosco e Google for Meetings, así como solucións de videoconferencia e periféricos relacionados.
A imaxe de Galicia, en Dubái
Nesta misión, o Clúster TIC Galicia tamén vai exportar a imaxe da comunidade, baixo o lema Technology from The World Ends, en referencia ao “Finis Terrae” acuñado polos romanos ao Cabo Fisterra, onde o Camiño de Santiago se prolonga cara o Océano Atlántico. “No stand vai figurar o logo da marca Turismo de Galicia e un mapa cos 6.400 km que separan Compostela de Dubái, como fito quilométrico do Camiño de Santiago, así como unha imaxe icónica da praia das Catedrais”, revela Iago Soto.
Comments