O Clúster TIC Galicia participa por primeira vez en Tech Show Madrid, un dos encontros tecnolóxicos de referencia a nivel estatal, que se celebra hoxe e mañá en Ifema. A organización busca impulsar así a innovación con selo galego a través dun stand propio (9E94) na área Big Data & AI World, que reúne ás súas asociadas 2bedigital, CTL Spain, DataDefend Solutions, RCA Systems, Ilux Visual Technologies e ScanMeNow.
A presenza da entidade nesta cita enmárcase no seu labor de promoción e internacionalización do sector tecnolóxico galego, facilitando que as compañías poidan amosar os seus proxectos, establecer contactos comerciais e abrir novas vías de colaboración no mercado nacional e internacional.
“Queremos visibilizar o talento e as solucións das nosas asociadas en feiras estratéxicas como o Tech Show Madrid ou en GITEX Dubái, onde estivemos recentemente, co obxectivo de fortalecer o posicionamento de Galicia como referente en novas tecnoloxías e potenciar as alianzas con outros actores”, comenta Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia.
Proxectos avanzados
Con máis de 470 expositores, 350 relatores e unha previsión de asistencia de 25.000 visitantes, Tech Show Madrid reúne a profesionais do sector e líderes en cloud, ciberseguridade, big data, intelixencia artificial (IA), centros de datos, edge computing, realidade aumentada ou colaboración dixital, entre outros. As empresas socias que participan no evento baixo o paraugas do Clúster TIC Galicia amosarán proxectos avanzados nalgúns destes ámbitos.
ScanMeNow, con sede na Coruña e spin-off de Ilux Visual Technologies, presentará un desenvolvemento innovador a nivel internacional que revoluciona a identidade dixital mediante a creación de réplicas virtuais 3D hiperrealistas, impulsadas por tecnoloxía baseada en intelixencia artificial.
Estes avatares, creados en poucos minutos a través de fotografías captadas por 105 cámaras situadas nunha instalación futurista, replican expresións e movementos con precisión e permiten crear experiencias inmersivas únicas e personalizadas en eventos, campañas ou contornas dixitais, convertendo aos usuarios en auténticos protagonistas da interacción.
2bedigital, axencia situada en Compostela e especializada en performance márketing, automatización e intelixencia artificial aplicada ao e-commerce, porá en valor as súas solucións en realidade aumentada e IA. Entre elas, Click2Try, unha tecnoloxía que permite probar produtos virtualmente e crear experiencias personalizadas impulsadas por IA. A empresa busca así demostrar como a combinación de datos, creatividade e tecnoloxía pode potenciar as vendas e mellorar a experiencia de cliente no sector retail.
A consultora galega DataDefend Solutions, especializada en servizos de ciberseguridade para pemes e institucións, dará a coñecer o seu modelo CISO as a Service e SOC 24/7, unha proposta integral orientada á protección, concienciación e cumprimento normativo (ISO 27001, ENS, NIS2). O seu obxectivo en Tech Show Madrid é reforzar alianzas estratéxicas e consolidar Galicia como referente en ciberseguridade a nivel nacional.
RCA Systems, con oficinas na cidade herculina, ofrece servizos avanzados arredor de Nextcloud Hub, a plataforma de colaboración de código aberto líder no mercado. Como socio oficial de Nextcloud GmbH e Collabora Productivity Ltd, a compañía destacará esta suite, ofrecendo demostracións interactivas, ademais das súas solucións de aloxamento seguro, executadas en infraestruturas propias situadas en centros de datos en España.
CTL Spain, con presenza en Vigo, é un dos principais fabricantes mundiais de dispositivos ChromeOS, e desenvolve solucións informáticas para o ámbito da educación, sinalización dixital ou videoconferencias. No marco da feira, mostrarán as súas Chromeboxes, tanto as adaptadas a digital signage (CBX3) como o seu Compute System GQE20C, un complemento para salas de reunión Google Meet, utilizado polas multinacionais máis importantes do mundo.
Comentarios