O Clúster TIC Galicia lanza unha nova edición de Tech Angels para impulsar startups e ideas innovadoras

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia lanza unha nova edición de Tech Angels para impulsar startups e ideas innovadoras


  • O programa está dirixido a emprendedores e empresas  emerxentes de calquera sector que queiran acelerar e optimizar os seus modelos  de negocio
  • Favorece o acceso ao expertise de socios da  entidade, que actuarán como partners tecnolóxicos para desenvolver solucións  adaptadas ás necesidades de cada proxecto 

O Clúster TIC Galicia vén de poñer en marcha, en colaboración co Igape, a segunda edición do programa Tech  Angels, unha iniciativa dirixida a startups e persoas emprendedoras de calquera sector que buscan incorporar solucións tecnolóxicas avanzadas como elemento clave para acelerar o seu crecemento, optimizar os seus modelos de negocio e mellorar a súa competitividade.

Esta acción consolídase coa figura do Tech Angel, unha evolución do concepto tradicional de Business Angel cun enfoque estritamente tecnolóxico. “Os Tech Angels son empresas socias do propio Clúster TIC Galicia que achegan o seu expertise, asesoramento, recursos técnicos ou investimento en tecnoloxías adaptadas ás necesidades específicas de cada proxecto”, sinala Jesús Lage, coordinador do programa.

Ademais do pulo inicial, a convocatoria tamén promove un compromiso duradeiro entre ambas partes, onde o Tech Angel segue involucrado de forma sostida no tempo, asegurando que a medida que as firmas crezan e evolucionen, as solucións tecnolóxicas proporcionadas tamén se adapten, garantindo así a súa innovación constante. “O obxectivo é que estean aliñadas coa visión estratéxica e as previsións de crecemento das startups e iniciativas emprendedoras participantes”, apunta Lage.

O Clúster TIC Galicia busca así que empresas emerxentes e partners tecnolóxicos fagan «match», transformando ideas de alto potencial en realidades empresariais sólidas e escalables, facilitando a súa integración no mercado, reducindo riscos e fomentando a innovación.

Convocatoria aberta

A presentación de solicitudes xa se pode efectuar a través deste formulario cun modelo de portelo aberto e continuo, orientado a reforzar a axilidade, a escalabilidade e a participación sostida de startups e emprendedores.

O Clúster TIC Galicia valorará todas as propostas e seleccionará as que cumpran os requisitos establecidos, ademais de ter en conta outros criterios, como a calidade, a orientación ao mercado ou o nivel de madurez.

Posteriormente, a entidade comunicará a admisión ou non ao programa para proceder a organizar os obradoiros de asesoramento, onde as candidatas recibirán acompañamento e titorización personalizada para deseñar as súas presentacións para os Tech Angels.

Finalmente, aquelas que consigan o apoio dun partner tecnolóxico poderán formalizar un acordo de colaboración que lles permitirá navegar con destreza polo ecosistema dixital, capitalizando as súas innovacións para manterse á vangarda nun contexto de continua evolución tecnolóxica.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies