O Clúster TIC Galicia, en colaboración coa European Business Factory (EBF), organiza a xornada Como liderar e comunicar no mundo tech en 2026 o martes 27 de xaneiro, de 10:00 a 12:00 h, no Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC (A Coruña). Trátase dun encontro dirixido exclusivamente a socios da entidade que buscan reforzar as súas competencias de liderado nun momento clave como é o inicio de ano.
O comezo dun novo exercicio adoita vir acompañado pola definición de obxectivos, un reto cada vez maior dado o contexto actual no que vivimos, en constante cambio e marcado por factores como a intelixencia artificial, a transformación constante dos equipos e unha crecente presión polos resultados. Neste escenario cambiante, unha comunicación eficaz convértese nun dos piares fundamentais do liderado tecnolóxico e nunha ferramenta clave para aliñar persoas, equipos e estratexia.
Esta xornada está deseñada para ofrecer unha visión práctica e experiencial sobre como mellorar a calidade das conversas nos equipos tech, poñendo o foco nunha habilidade esencial: a escoita. Entre outras cuestións, analizaranse as diferenzas entre a escoita tradicional e a utilizada nos procesos de coaching, amosando como este cambio pode ter un impacto significativo na comunicación e no liderado. A convocatoria completarase cunha dinámica práctica de “conversación con coaching”, que permitirá ás persoas asistentes traballar con esta ferramenta.
Que se abordará?
A avogada, mediadora e coach internacional Marcela Parga, fundadora de Parga Asociados, será a encargada de dirixir a sesión do 27 de xaneiro, na que se tratarán os seguintes temas:
Sobre a relatora
Marcela Parga conta cunha ampla traxectoria en liderado e desenvolvemento organizacional. É trainer para España da International Coaching Community e Coach Executivo certificada. Combina a súa experiencia xurídica co acompañamento a persoas e equipos en procesos de cambio. Docente e conferenciante, é experta en conciliación, intelixencia emocional e resolución de conflitos, ademais de coautora do libro “Coaching de equipos”.
A inscrición é gratuíta, e realizarase por orde de solicitude, até completar aforo. As persoas interesadas poden rexistrarse aquí.
Comentarios