O Clúster TIC Galicia participou hoxe nunha xornada de traballo no CSA da Cidade das TIC, no marco do proxecto europeo Allocate, xunto a empresas do ecosistema tecnolóxico coruñés, co obxectivo de crear unha comunidade local de computación orientada ao desenvolvemento dunha intelixencia artificial sostible, ética e accesible.
O encontro contou tamén coa presenza de persoal técnico do Concello da Coruña, entidade que lidera a iniciativa, así como con representantes doutras organizacións socias do proxecto, como a Universidade da Coruña, Altia e Khora Urban Thinkers.
Allocate, financiado polo FEDER a través da Iniciativa Urbana Europea, supón unha oportunidade estratéxica para reforzar a competitividade do sector TIC galego mediante a creación dunha comunidade local de computación, permitindo ás pemes acceder a formación especializada, datos urbanos reais e a unha plataforma de hardware e software para o adestramento de algoritmos.
Ademais, contempla tres retos vinculados a necesidades reais da cidade, relacionados coa mobilidade, a xestión de residuos e a atención a incidencias cidadás, que servirán como punto de partida para transformar estes desafíos en oportunidades de colaboración e contribuír activamente á transformación urbana.
Estrutura do taller
O taller estruturouse en dous grandes bloques de traballo. Nunha primeira parte, abordáronse os elementos clave para a configuración da comunidade de computación, como as normas de uso, a propiedade intelectual, a formación e o acceso a recursos, empregando metodoloxías dinámicas para identificar prioridades e necesidades.
A continuación, a sesión centrouse nos casos de uso, permitindo ás empresas priorizar retos, compartir experiencias e detectar posibles riscos de cara a futuras convocatorias, tomando como referencia iniciativas similares desenvolvidas noutros territorios.
A xornada finalizou cunha posta en común das principais conclusións e unha quenda de preguntas.
Co seu apoio ao proxecto Allocate, o Clúster TIC Galicia reforza o seu compromiso co impulso da innovación, o fortalecemento do ecosistema tecnolóxico galego e o desenvolvemento dunha intelixencia artificial responsable.
Comentarios