Plexus Tech recibe na súa oficina a un grupo de mozos do programa Xuventude Mentoring
Cando termina a etapa de formación, comeza unha das decisións máis importantes: descubrir cara a onde queres orientar o teu futuro profesional. Unha conversación, un encontro ou un referente poden abrir novas posibilidades. Por iso, Plexus Tech recibiu na súa oficina de Santiago de Compostela a un grupo de mozos e mozas do programa Xuventude Mentoring, da Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia.
Co acompañamento da directora xeral de Xuventude, Lara Meneses, desfrutaron dunha sesión na que compartiron a súa experiencia e achegaron as oportunidades que ofrece o sector tecnolóxico.
A xornada comezou coa benvida de Antonio Agrasar Cascallar, fundador e CEO de Plexus Tech, presentando a compañía e compartindo algunhas das aprendizaxes que marcaron a súa traxectoria, destacando a actitude, a curiosidade e a aprendizaxe continua como claves para crecer profesionalmente.
A continuación, Yago González, director de Innovación da mesma empresa, presentou algúns dos seus proxectos de innovación. Así mesmo, puxo o foco na importancia de desenvolver unha mentalidade de aprendizaxe continua nun contexto de aceleración tecnolóxica.
Pola súa banda, Sonia García, responsable da área de Servizos Xestionados, invitou a reflexionar sobre as vocacións STEM e o papel da muller no sector tecnolóxico. Nesta liña, subliñou o valor de contar con referentes que inspiren ás novas xeracións.
Xuventude Mentoring
Xuventude Mentoring é un programa integral de formación e mentoring destinado a persoas mozas tituladas e rexistradas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil na Comunidade Autónoma de Galicia.
Trátase dun programa pioneiro promovido pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia e o Consorcio Interuniversitario de Galicia (CIXUG), en colaboración coas tres universidades galegas, e cofinanciado polo fondo Social Europeo, Programa Operativo de Emprego Xuvenil.
Comentarios