Dentro do seu compromiso coa innovación e a saúde, Plexus Tech participou a semana pasada na primeira edición do Curso de Verán da USC “Intelixencia artificial e medicina personalizada e de precisión: a medicina con nome e apelidos”, unha formación promovida pola Cátedra USC-Plexus en Intelixencia Artificial aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (Camelia).
Durante tres xornadas, máis de 30 expertos de referencia nacional en IA, xenómica ou saúde dixital, ofreceron a súa visión sobre o presente e o futuro da intelixencia artificial no ámbito sanitario, abordando áreas craves como o desenvolvemento de modelos preditivos, o deseño de terapias personalizadas, a bioinformática, a medicina xenómica ou os aspectos legais do uso de datos en saúde.
Os asistentes ao curso, que se celebrou nos salóns de actos da Escola Técnica Superior de Enxeñería (ETSE) e da Facultade de Matemáticas, puideron coñecer máis detalladamente os retos que ofrece esta ferramenta de innovación desde un enfoque multidisciplinar, que inclúe desde a investigación ata a súa aplicación clínica, ética e social.
Entre o elenco de relatores, Plexus Tech estivo presente da man de Lola Traba, directora da área de desenvolvemento de Sanidade, Brais Castiñeiras, enxeñeiro informático e José Manuel Chao, socio-director de Plexus e codirector de Camelia. Xunto a eles, tamén estiveron relatores de recoñecido prestixio como Senén Varro, María José Carreira, Anxo Carracedo ou Alberto J. Bugarín.
Neste sentido, os seus expertos participaron en sesións sobre aprendizaxe automática, desenvolvemento sanitario baseado en IA e casos prácticos en proxectos reais, aliñados cos retos actuais do sector saúde.
Da man de todos eles, o curso xerou un espazo de intercambio de coñecemento e de experiencias único para explorar como a intelixencia artificial está a revolucionar o ecosistema sanitario.
Esta iniciativa formativa encádrase dentro da Cátedra USC-Plexus Camelia, no marco das Cátedras ENIA do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública, con financiamiento da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial e da Unión Europea - Next Generation EU, dentro do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
Máis información: https://camelia.usc.gal/
Comentarios