Tino Fernández, presidente de Altia: «O sector TIC pasou de considerarse auxiliar a ser un motor de competitividade para a economía de Galicia»

Silvia Camesella,

Tino Fernández, presidente de Altia: «O sector TIC pasou de considerarse auxiliar a ser un motor de competitividade para a economía de Galicia»


Constantino «Tino» Fernández, presidente de Altia e vicepresidente do Clúster TIC Galicia, recibirá hoxe o Premio Gallego del Año na categoría de Economía e Emprendemento, que outorga El Correo Gallego, como recoñecemento á súa visión estratéxica e á súa aposta pola innovación e a competitividade global. Farao nunha gala que terá lugar na Cidade da Cultura, xunto a personalidades como a atleta Ana Peleteiro, o escritor e xornalista Manuel Rivas ou o presidente honorífico do Grupo Pérez Rumbao, Emilio Pérez.

Tino Fernández recoñece que despois de máis de 30 anos, na compañía seguen mantendo «esa capacidade de emocionarnos con cada novo proxecto coma se fose o primeiro». Algo admirable tendo en conta as cifras actuais de Altia, con presenza en dez países, un equipo de máis de 4.000 profesionais e unhas ganancias netas de 7,9 millóns de euros no primeiro semestre do exercicio. «Para min é unha confirmación de que o camiño elixido era o correcto, crecer sen renunciar aos valores, competir globalmente sen perder as raíces, cambiar, innovar e evolucionar. Iso é o que máis valor ten deste recoñecemento», comenta.

Afirma que este galardón distingue tamén «a todo ese ecosistema tecnolóxico que se foi construíndo», ademais de constatar que o sector TIC na nosa comunidade pasou de promesa a realidade: «En 1994 isto era case ciencia ficción. (...) Hoxe Galicia ten empresas tecnolóxicas sólidas, hai talento formado saíndo das nosas universidades, hai investimento en I+D+i... O salto cualitativo é espectacular», asegura.

Como retos estruturais do sector sinala primeiro o talento, segundo, a dimensión das compañías e terceiro, a cooperación dos diferentes actores do ecosistema, «necesitamos pensar como industria», sostén. Respecto ao Plan Director da Industria das TIC, considera que é «un avance enorme» porque «se entendeu que o sector tecnolóxico é estratéxico», aínda que precisa que o máis importante é a súa execución: «Necesitamos estruturas áxiles, diálogo permanente co sector privado, capacidade de pivotar cando sexa necesario».

En 2014 xa recibiu o Premio Gallego del Año, e once anos despois, outórganlle de novo este recoñecemento. Que supón recibir un galardón coma este en dúas ocasións?

É curioso, porque uno non fai as cousas pensando nos premios. Os premios chegan como consecuencia, igual que os resultados.

O bonito é que este premio chega nun momento moi diferente ao de 2014. Entón ALTIA era distinta, Galicia era outro ecosistema tecnolóxico e, eu mesmo, tamén cambiei como persoa.

Agora a empresa multiplicouse por cinco, estamos en máis mercados, fixemos un restyling que reflicte a nosa madurez e como fomos capaces de manter viva esa chama, mantendo esa esencia de startup, esa capacidade de emocionarnos con cada novo proxecto coma se fose o primeiro.

Para min é unha confirmación de que o camiño elixido era o correcto, crecer sen renunciar aos valores, competir globalmente sen perder as raíces, cambiar, innovar e evolucionar. Iso é o que máis valor ten deste recoñecemento.

Este premio destaca a súa “decisiva contribución para situar a Galicia no mapa tecnolóxico europeo”. Como interpreta este galardón en relación coa súa traxectoria en ALTIA e a súa achega ao sector TIC galego?

Cando arrincamos, en 1994, non existía practicamente nin internet nin correo electrónico. As cousas cambiaron moitísimo desde entón. O que fixemos foi moi simple e moi complicado á vez: crernos que desde Galicia podíase competir cos grandes.

Competimos tratando de diferenciarnos non soamente nos produtos e servizos que ofrecemos, senón tamén na maneira de relacionarnos. Buscamos que os nosos clientes crezan connosco, que o que facemos teña un impacto real nos seus resultados. Tamén nos diferencia ser unha empresa namorada do que fai, con paixón intacta e compromiso firme cos nosos clientes. Tecnoloxía con valor real á fin e ao cabo.

A miña achega, se é que existe, foi demostrar que se pode. Que unha empresa galega e independente pode estar nos grandes proxectos e traballar para clientes líderes nos seus sectores.

Que cambiou desde aquel Gallego del Año de 2014 como líder, empresario e persoa?

Cambiaron moitas cousas e, paradoxalmente, ningunha das importantes. Crecemos moitísimo: máis mercados, máis persoas no equipo, máis complexidade; pero temos os mesmos valores, a mesma ilusión de cando empezamos e a mesma paixón por seguir crecendo, por ilusionarnos co novo que vén e por captar cada novo cliente coma se fose o primeiro.

Como empresario teño máis recursos á miña disposición para tomar decisións orientadas ao crecemento. Formei un equipo líder, cunha gran capacidade e cun forte compromiso polo proxecto.

Fixemos adquisicións importantes, entrado en novos mercados e apostado por tecnoloxías. Todo iso require unha visión máis global e unha capacidade de risco.

E, como persoa, aprendín a gozar máis do camiño e non só das metas.

En que medida cre que este galardón simboliza o progreso do sector TIC en Galicia durante os últimos anos?

É un galardón moi potente porque simboliza algo que xa é unha realidade: Galicia, dentro do que lle tocaría pola clasificación económica español, en tecnoloxía está por encima da media. Xa non somos unha promesa, somos unha realidade. Nese sentido, creo que se avanzou moito.

Este premio é un recoñecemento a todo ese ecosistema que se foi construíndo: empresas, institucións, profesionais, universidades...

Durante moito tempo entendeuse que a tecnoloxía era algo auxiliar dos demais sectores, iso cambiou. Agora vese como un sector principal, protagonista, con capacidade de xerar emprego de calidade, de atraer investimento e de internacionalizarse. Un sector cos seus propios retos.

Que mensaxe lle gustaría transmitir á mocidade galega que está a considerar orientar a súa carreira profesional cara ao ámbito tecnolóxico?

Que Galicia é un sitio perfecto para desenvolver unha carreira en tecnoloxía. Aquí hai calidade de vida, empresas punteiras e, ademais, posibilidade de traballar en proxectos moi interesantes.

Tamén lles diría que sexan ambiciosos. Que non se conformen con facer ben o seu traballo, que pensen en grande, confíen e que non teñan medos nin se poñan límites. Ademais, que sexan sempre positivos, que manteñan sempre a ilusión polo traballo.

E, por último, que sigan formándose sempre. Este é un sector que cambia constantemente, hai que estar moi pendente do que vén e saber intuír que vai ter un impacto real. Iso obrígache a formarche, pero tamén che mantén vivo, con esa curiosidade que é a gasolina desta profesión.

Como valora a evolución de Galicia no ámbito tecnolóxico desde que vostede fundou ALTIA?

Foi espectacular. En 1994 isto era case ciencia ficción. Non había nin ecosistema, nin referentes, nin unha masa crítica de profesionais. Eramos pioneiros nun terreo case virxe.

Hoxe Galicia ten empresas tecnolóxicas sólidas, con dimensión internacional, que compiten globalmente. Hai talento formado saíndo das nosas universidades, hai investimento en I+D+i... O salto cualitativo é espectacular.

O que máis me satisfai é que non hai complexos. O sector empresarial é ambicioso no sentido de que quere ter impacto, lanzar proxectos novos. Esa mentalidade é ouro puro. Porque o primeiro paso para conseguir algo é crerse que podes conseguilo.

Como vicepresidente do Clúster TIC Galicia, que retos estruturais identifica para que a comunidade poida avanzar como polo tecnolóxico de referencia?

O primeiro e máis urxente é o talento. Temos un déficit estrutural de profesionais cualificados que se agravou coa pandemia. A economía dixital pesa cada vez máis, pero formar profesionais leva anos. Non hai atallos. Necesitamos un plan de choque que combine universidade, FP Dual, reciclaxe de profesionais doutras áreas e atracción de talento de fóra.

O segundo reto é a escala. Necesitamos empresas con máis dimensión, capaces de competir por proxectos grandes e de investir en I+D+i de forma sostida.

Por último, a cooperación entre empresas, entre universidade e empresa, entre institucións e sector privado. Os ecosistemas potentes constrúense sumando, necesitamos pensar como industria, non como suma de empresas individuais.

Cre que o Plan Director da Industria das TIC contribuirá á consolidación do sector en Galicia?

Si. Este plan é un avance enorme. Durante anos o sector tecnolóxico era pouco visible nas políticas industriais, pero se queremos unha Galicia industrial potente, necesitamos ser potentes a nivel dixital.

Entendeuse que este sector é estratéxico, que a tecnoloxía non é só un sector auxiliar senón un motor de competitividade para toda a economía.

Agora ben, o importante non é o plan en si, senón a execución. Necesitamos ver, e confiamos que así será, investimento real en formación, en infraestruturas dixitais, en apoio á internacionalización e en atracción de investimento privado cualificado.

Tamén é importante que o plan teña a flexibilidade suficiente para adaptarse. Este é un sector que cambia constantemente. O que hoxe é prioridade mañá pode non selo tanto. Necesitamos estruturas áxiles, diálogo permanente co sector privado, capacidade de pivotar cando sexa necesario.

En definitiva, o plan é unha gran noticia, pero o sector privado non pode esperar que o resolva todo a Administración. Nós tamén temos que arriscar, investir e crecer. O plan axuda, pero o motor ten que ser a ambición empresarial.

Despois de alcanzar tantos logros profesionais, que obxectivos lle gustaría cumprir nos próximos anos?

Seguir crecendo, pero con sentido. Nós non perseguimos os números, senón estar en máis territorios, ter máis clientes, xerar máis impacto e que o que facemos achegue máis valor aos nosos clientes, aos nosos accionistas, á xente que traballa connosco e á contorna.

Quero que ALTIA siga sendo unha empresa independente, namorada do que fai, centrada en facer crecer aos seus clientes. A nosa opción é crecer liderando noso propio camiño.

A nivel persoal, gustaríame asegurar unha boa substitución xeracional, cun equipo directivo potente, e ser capaz de transmitirlles persoalmente os valores que nos trouxeron ata aquí para que seguir crecendo no futuro.

Tamén espero que teñamos a capacidade de interpretar as sucesivas ondas tecnolóxicas e de traballar con elas para mellorar a vida da xente. Ao final, o noso obxectivo é mellorar, a través da tecnoloxía, a forma na que viven e traballan as persoas. Iso é o que dá sentido á tecnoloxía e ao noso traballo. Ese é o obxectivo que non caduca nunca.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies