Máis de 350 profesionais asisten ao primeiro evento tecnolóxico do Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC

Silvia Camesella,

Máis de 350 profesionais asisten ao primeiro evento tecnolóxico do Centro de Servizos Avanzados da Cidade das TIC


  • A intelixencia artificial e o big  data centraron a xornada, con intervencións de expertos de Denodo, NTT Data,  MásMóvil, Telefónica e a Xunta
  • O presidente do Clúster TIC Galicia,  Antonio Rodríguez del Corral, destacou o papel do CSA como “a casa común do  sector TIC” para a creación de produtos innovadores e como demostrador da  oferta tecnolóxica da comunidade
  • Agradeceu o amplo apoio de  empresas, administracións e a Universidade da Coruña para que o primeiro  edificio desta ambiciosa iniciativa se materializase

Máis de 350 profesionais déronse o venres 20 de outubro en “IA e Empresa”, o primeiro evento tecnolóxico que vén de inaugurar a axenda do Centro de Servizos Avanzados (CSA) da Cidade das TIC. No discurso de apertura do edificio, o presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, incidiu en que o CSA xurdiu da necesidade da unión do sector nun mesmo espazo, dotado dos máis avanzados equipos de adestramento de intelixencia artificial “abertos a todas as empresas” para que se “creen produtos de IA made in Galicia”.

Precisamente, esta tecnoloxía e o big data centraron a xornada, na que reputados expertos de Denodo, NTT Data, MásMóvil e Teléfonica afondaron en como a intelixencia artificial se está a introducir de forma práctica nas grandes corporacións, nas tendencias do mercado neste campo ou no impulso da aprendizaxe permanente para capacitar a persoas e empresas na súa transición dixital.

Os presentes escoitaron as intervencións de Alberto Pan e Daniel Lender, CTO e CFO de Denodo, Zeltia Lado, directora xeral de Formación para o Emprego e Orientación da Xunta, David Pereira, Head of Data  & Intelligence de NTT Data para Europa e Latinoamérica, Ravin Dhalani, CIO no Grupo MásMóvil, e o relatorio de peche da xornada, a cargo de Chema Alonso, membro do Comité Executivo e CDO de Telefónica.

Motor de crecemento

Con carácter previo ao evento, Antonio del Corral fixo un breve percorrido pola historia do CSA, cuxa idea comezou a xestarse en 2018. Destacou o amplo respaldo que recibiu a iniciativa dende o comezo por parte das empresas tecnolóxicas, administracións (Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Ministerio de Defensa), a Xunta, a través do Igape, e a Universidade da Coruña, conscientes de que o sector TIC é un dos principais motores de crecemento da economía, acelerado pola pandemia.

Este primeiro edificio, de 5.000 m2, dos oito previstos para formar parte do hub dixital, “é, desde hoxe, o portelo único do sector en Galicia”, aseverou del Corral. Ademais da IA, o Centro de Servizos Avanzados conta con equipos de procesamento multimedia e de creación de dispositivos electrónicos e dispón de servidores e elementos de demostración para que os potenciais clientes poidan coñecer toda a oferta tecnolóxica da comunidade nunha soa visita.

“A nosa proposta é que o CSA contribúa a acelerar todas as actividades de innovación galegas, xa que todos os beneficios que xere, vanse investir en desenvolver máis tecnoloxía”, indicou. Ademais, del Corral deixou claro que o edificio non é do Clúster, nin do CSA: queremos que sexa de todo o sector tecnolóxico de Galicia e que sexa parte da nosa casa común.

Talento e formación

O sector TIC en Galicia supón ao redor do 3% do PIB, unha porcentaxe freada pola “falta talento e formación, así como a soberanía tecnolóxica”, afirmou del Corral. Neste sentido, subliñou os programas de formación impulsados dende a Consellería de Promoción do Emprego, en colaboración co propio Clúster TIC Galicia, formando a máis de 10.000 alumnos a través de 500 cursos entre 2022 e 2023. “O principal investimento das TIC é o talento e a formación avanzada en tecnoloxías é sinónimo de emprego para toda a vida”, precisou.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies