Últimos días para presentar o proxecto de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC

Silvia Camesella,

Últimos días para presentar o proxecto de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC


O 5 de outubro remata o  prazo para que as firmas aspirantes presenten as súas propostas de remodelación  do CSA da antiga Fábrica de Armas 

A obra conta cun orzamento  de 4,3 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses

Está previsto que o CSA  entre en funcionamento en setembro de 2022

O emprego de materiais de proximidade  e a sostibilidade e a eficiencia enerxética serán claves na renovación da  construción


O próximo 5 de outubro remata o prazo para que as empresas presenten os seus proxectos de rehabilitación da nave 2 da Cidade das TIC. A obra, que conta cun orzamento de 4,3 millóns de euros e un prazo de execución de 9 meses, está previsto que comece en novembro de este ano e permitirá que o CSA entre en funcionamento en setembro de 2022.

Unha Comisión de Selección, integrada por representantes da Sociedade do Centro de Servizos Avanzados (CSA), que lideran o Clúster TIC Galicia e a UDC, será a encargada de resolver este proceso.

Para a adxudicación valoraranse criterios como o persoal adscrito, o informe de coñecemento do proxecto, a oferta económica ou o prazo de execución, aos que se lles atribúe unha ponderación específica. Así mesmo, nos pregos do concurso, publicado o pasado día 21 de agosto, establécense distintas obrigacións en materia medioambiental, social, laboral e de transparencia que os candidatos deberán cumprir, entre outras cuestións.

En canto ás naves adicionais, a súa apertura prevese no segundo semestre de 2022, aínda que a data concreta confirmarase o 30 de outubro deste ano.

 Na rehabilitación integral do CSA preténdese manter o valor patrimonial do edificio e reducir, ao mesmo tempo, o consumo de enerxía que implicarán as accións de derrubamento e a xeración de cascallos.

Neste senso, os materiais que se empregarán na obra serán de proximidade, é dicir, adquiridos a empresas locais galegas, e serán fundamentalmente madeira contralaminada (CLT) e laminada, cerámica e termoarxila, co propósito de diminuír a pegada de carbono.

A eficiencia enerxética e a sostibilidade serán claves tamén no futuro Centro de Servizos Avanzados. Así, para evitar o aumento da temperatura que xerarán o amplo volume de equipos e persoal presentes no edificio, instalarase un sistema de activación da estrutura que garantirá un nivel de calor estándar durante todo o ano duns 22 graos.

Así mesmo, realizarase unha renovación constante do aire e establecerase un sistema de instalación de consumo enerxético reducido, con luces led e fontes de auga para eludir o consumo de auga mineral embotellada. Todas estas medidas revertirán nunha construción cun baixo impacto ambiental ao longo do seu ciclo de vida.

 

Estrutura  e características do CSA

O CSA terá unha capacidade aproximada de 5.000 m2 nas súas diferentes plantas, repartidos entre oficinas (2.627 m2) e 2.069 m2 nos que se situarán catro laboratorios de innovación, showroom, aulas e zonas comúns (cafetería, coworking, área de descanso, etc.), e nos que destacará unha estrutura de madeira, de máis de 400 m2, que reforzará o baleiro da nave central. Estes espazos contarán cun deseño de libre compartimentación, tamén chamados espazos acordeón, que permitirán aumentar e reducir os ambientes en función das necesidades.

O Centro de Servizos Avanzados será un lugar de encontro entre clientes e provedores de solucións TIC, enfocado a facilitar o uso compartido de tecnoloxías e a definición de proxectos. Está integrado no Hub Dihgigal, liderado polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (CEAGA), o Clúster Alimentario de Galicia Aclunaga e o Clúster TIC Galicia.

Este primeiro edificio formará parte dos 127.000 m2 da antiga Fábrica de Armas na que se instalará a Cidade das TIC, un parque tecnolóxico no que a Xunta de Galicia comprometeu 4,82 millóns de euros, ademais da inclusión do proxecto entre os candidatos para optar aos fondos Next Generation por unha contía de 55 millóns de euros.

Primeiras  arrendatarias

As primeiras firmas en instalarse nas oficinas do CSA serán IMATIA, cinfo, ITG, Xoia, Enxenio e ODEENE. Por outra banda, Tokiota, Dataspartan e Soslife7 formarán parte do espazo de coworking e Itelsis instalarase no Laboratorio de Dispositivos Intelixentes, mentres que Denodo ocupará a primeira nave adicional.

As entidades ás que non se lles asignou espazo na resolución de empresas que ocuparán o CSA, integraranse nas naves 3, 4 e 5 adicionais a acondicionar, conservándoselles a posición e puntuación conseguidas neste proceso.

 

Toda a  información relativa á licitación das obras do CSA pode consultarse na páxina  web do proxecto www.cidadedastic.gal.

Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies