Unha app para viaxeiros de caravaning, unha canle única entre establecementos e a súa clientela, unha plataforma que certifica arquivos con blockchain, un comparador de prezos que recomenda cando mercar ou asistentes de IA para a hostalaría. Son os cinco proxectos que se presentaron hoxe na Cidade das TIC dentro do programa Tech Angels, co que o Clúster TIC Galicia conecta emprendedores ou startups con compañías tecnolóxicas consolidadas para explorar diferentes vías de colaboración.
O programa, financiado polo Igape, contou nesta ocasión coa presenza de Aethorix, Aldaba, Alfredo Castro, Cinfo, IP Global e Quobis. De haber "match" entre algunha das propostas e estas compañías, os participantes escollidos terían acceso a coñecemento especializado, mentoría e soporte tecnolóxico, co obxectivo de identificar sinerxías e construír alianzas estratéxicas que converten as ideas en solucións escalables.
Vango: unha aplicación para o viaxeiro europeo de caravaning
Impulsado por Lorena López Vázquez (CPO) e Jamir Del Carpio Gutiérrez (CTO), Vango é unha aplicación móbil que ofrece planificación de rutas e paradas, un buscador de áreas de pernocta con datos técnicos verificados (auga, electricidade, servizos), unha comunidade para compartir itinerarios e seguridade mediante localización en tempo real.
O proxecto quere resolver a fragmentación da información e a falta de datos verificados que xeran incerteza legal ao viaxeiro, e fomentar un modelo de turismo sostible e responsable, integrado coa normativa municipal. Dirixese a viaxeiros europeos (B2C) e a negocios locais, campings e empresas de aluguer (B2B).
Comunidades: unha canle única entre os establecementos e a súa clientela
Liderado por Manuel Alonso Arnejo, xunto con Celia Soneira (márketing e redes sociais) e Sandra Añon (deseño e imaxe corporativa), Comunidades é unha plataforma dixital que conecta establecementos coa súa comunidade de clientes mediante unha aplicación móbil propia e un panel de xestión centralizado, onde publicar actividades, novidades e avisos nun único canal.
Parte dunha base funcional común e configurable, que se personaliza para cada establecemento, o que reduce custos e tempos de posta en marcha. O seu obxectivo inmediato é validar a solución en dous establecementos piloto de hostalaría e lecer, antes de expandirse a centros deportivos, espazos culturais e asociacións.
Rootsure: evidencia dixital e integridade de arquivos para empresas
Os cofundadores Ricardo Coronel (CEO) e Gianfranco Lombardo (CTO) promoven Rootsure, unha plataforma e capa de infraestrutura que permite certificar a existencia e a inalterabilidade de documentos e entregables, xerados por persoas ou por axentes de intelixencia artificial, mediante pegadas dixitais ancoradas en blockchain con verificación pública.
A solución ofrece cálculo do hash en local (o arquivo non precisa saír do cliente), custodia segura opcional e integración nativa a través de API REST, SDK e MCP para axentes de IA. Está pensada para empresas dos sectores legal, financeiro, recursos humanos e desenvolvemento de software que necesitan garantir a trazabilidade dos seus entregables.
RADAR: un comparador de prezos que recomenda cando e onde mercar
Manuel Basante dirixe RADAR, unha plataforma web que reúne ofertas de distintas tendas e analiza o prezo actual fronte ao mercado e á súa evolución histórica. Calcula un Radar Score de 0 a 100 e xera unha recomendación sinxela de compra, espera ou seguimento, ademais de permitir consultar gráficos, gardar produtos e fixar prezos obxectivo.
O proxecto responde a un problema habitual nas compras en liña: a información está dispersa entre moitas tendas e as ofertas non sempre representan descontos reais. Ao principio dirixirase a consumidores españois de tecnoloxía, electrónica e informática, e o servizo complementarase con RADAR Plus, un plan de subscrición con seguimento ilimitado, alertas e análise avanzada.
ZYVO: asistentes de IA para hostalaría
Hugo López Leborán, cociñeiro de profesión, é o CEO e promotor de ZYVO, un equipo de asistentes con intelixencia artificial para restaurantes e negocios de hostalaría de calquera tamaño. Úsase falando ou con mensaxes e audios desde o móbil, e todo queda conectado nun panel web.
A plataforma inclúe módulos de facturas (con aviso de subidas de prezo), reservas por WhatsApp e web, carta dixital e comandas con pantalla de cociña con alerxias, fichaxes con rexistro horario legal e inalterable, e webs para restaurantes. Cada módulo pode contratarse por separado, con subscrición mensual sen permanencia, para que o negocio empece polo que máis lle urxe e vaia sumando funcións. O foco inicial é o local independente galego.
Comments