O Clúster TIC Galicia organiza unha Sesión Pitching para presentar os proxectos do programa Tech Angels a líderes tecnolóxicos

Silvia Camesella,

O Clúster TIC Galicia organiza unha Sesión Pitching para presentar os proxectos do programa Tech Angels a líderes tecnolóxicos


O obxectivo é que os socios da entidade coñezan as propostas seleccionadas  e establezan posibles acordos de colaboración coas startups para impulsar as  súas ideas de negocio 

O programa ábrelles unha vía de acceso a tecnoloxías complexas, como a intelixencia  artificial, e ao expertise dos asociados para poder desenvolver as  solucións propostas

Ao evento, celebrado esta mañá na Cidade das TIC, acudiron o presidente do  Clúster TIC Galicia, o director da Área de Competitividade do Igape e o  director da Amtega


O Clúster TIC Galicia organizou hoxe unha Sesión Pitching na Cidade das TIC da Coruña para presentar os proxectos seleccionados no programa Tech Angels perante socios da entidade. O obxectivo desta iniciativa, promovida en colaboración co Igape e a Amtega, é que se establezan posibles acordos entre as startups e os líderes tecnolóxicos que lles permitan acceder a tecnoloxías complexas, como a intelixencia artificial, e ao expertise de asociados do propio Clúster, que actuarán como Tech Angels, coa finalidade de impulsar e optimizar os seus modelos de negocio.

A apertura institucional do evento, que tivo lugar ás 10:00 h, correu a cargo do presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez del Corral, do director da Área de Competitividade do Igape, Norberto Penedo, e do  director da Amtega, Julián Cerviño.

O presidente do Clúster TIC Galicia Antonio Rodríguez del Corral felicitou tanto aos Tech Angels como, sobre todo, aos emprendedores, e desexoulles o xurdimento de futuros acordos entre ambos. Pola súa parte, o director da Axencia de Amtega, Julián Cerviño, destacou que Galicia “necesita talento local e empresas propias para afrontar os retos dunha transformación tecnolóxica singular, nun proceso adaptado ás necesidades específicas do noso país”. O director da Área de Competitividades do Igape, Norberto Penedo, salientou que “esta iniciativa complementa moi ben o que vimos facendo para xerar un ecosistema en Galicia cada vez máis forte en materia de startups, TIC e servicios”.

A presentación dos proxectos distribuíuse en dous bloques, con cinco pitch  en cada un, incluíndo, ademais, unha sesión de preguntas e respostas durante a que os asistentes puideron consultar dúbidas e ampliar información sobre as distintas solucións presentadas.

No primeiro bloque, presentouse a solución Senior Lingua, que conecta a estudantes de idiomas con persoas maiores nativas nunha plataforma de vídeo chamadas, mediante algoritmos. En segundo lugar, a marca de surf de moda urbana Cero de Costa presentou o seu modelo de negocio e necesidades de expansión, seguida de Lanzadeira, que explicou o seu proxecto de optimización de contidos. Acto seguido, a consultora Nerxus Quality Solutions expuxo as súas solucións de big data e enxeñería e Kooltural rematou o bloque presentando a súa proposta para unir a xestores culturais co seu público, mediante IA para o perfilado de usuarios e procura con linguaxe natural.

Tras un breve receso, a media mañá, Tallki e a súa idea de negocio para moda interactiva e personalizada iniciou a segunda rolda de presentacións. A continuación, CT-Soil explicou o seu proxecto baseado en biotecnoloxía; Cardio Angel presentou a súa app de alerta cardíaca e a súa rede de voluntarios capacitados para realizar unha RCP; Zenss Wellness expuxo a súa solución para saúde mental; e Toi Toi Toi amosou a súa proposta para realizar unha aplicación web, con réplica en APP, de xestión e promoción cultural.

Alianzas estratéxicas

A Sesión Pitching ten como finalidade formalizar alianzas estratéxicas entre startups e líderes tecnolóxicos, de forma que os emprendedores poidan capitalizar as súas innovacións e establecer un compromiso duradeiro co seu Tech Angel. Cabe precisar que un dos factores diferenciais desta iniciativa é que o líder tecnolóxico segue involucrado cos negocios despois do lanzamento da súa ferramenta, asegurando a innovación constante da solución TIC, a medida que a startup creza e evolucione.

Con esta iniciativa, lanzada entre o 30 de outubro e o 15 de decembro de 2023, o Clúster TIC Galicia busca consolidar o tecido emprendedor tecnolóxico galego, con especial énfase en promover a integración, desenvolvemento e crecemento de novas empresas no ecosistema dixital, garantindo a súa evolución constante e a súa adaptación ás necesidades actuais.


Comentarios


Para comentar, por favor inicia sesión ou crea unha conta
Modify cookies