O Clúster TIC Galicia celebrou o pasado 18 de novembro Enredatic, unha xornada de negocios e networking que reuniu a 39 profesionais de 28 empresas socias no Lux Events Center do Parque Empresarial da Sionlla, en Santiago de Compostela.
O evento buscaba ampliar a rede de contactos das compañías participantes, dar a coñecer as súas capacidades e abrir novas vías de colaboración para abordar conxuntamente proxectos de maior envergadura a través de encontros grupais e 1to1.
Durante a xornada tamén houbo espazo para a presentación da consultora Leyton, especializada en financiamento para a innovación e optimización fiscal. Neste sentido, David Mateo, coach business developer tax, e Pablo Castro, consultor sénior en I+D+i da compañía, ofreceron unha charla sobre como axudar ás organizacións a xestionar de forma eficiente o seu aforro, a través de diferentes vías: as bonificacións á Seguridade Social por persoal investigador, as deducións fiscais á I+D+i e a optimización de impostos locais, como o IBI e o IAE, entre outras cuestións.
Por último, abordáronse os servizos do Clúster TIC Galicia, así como as principais liñas do novo Plan Estratéxico da entidade, para adecualas ás necesidades das empresas socias.
Comentarios