En marcha o curso de Ia Verde e Ética do proxecto Allocate, no que participa o Clúster TIC Galicia, para impulsar a innovación urbana sostible

Silvia Camesella,

En marcha o curso de Ia Verde e Ética do proxecto Allocate, no que participa o Clúster TIC Galicia, para impulsar a innovación urbana sostible


  • O programa, de 21,5 horas de duración, combina formación técnica, ambiental, ética e regulatoria e constitúe unha das principais accións da Comunidade Local de Computación impulsada polo proxecto europeo.

O Concello da Coruña vén de poñer en marcha na Cidade das TIC o Curso de IA Verde e Ética para a Innovación Urbana, unha formación impulsada no marco do proxecto europeo Allocate para capacitar profesionais no desenvolvemento e aplicación de solucións de intelixencia artificial máis eficientes, responsables e sostibles.

A formación foi deseñada conxuntamente polos socios do proxecto, un consorcio integrado polo propio Concello da Coruña, o Clúster TIC Galicia, a Universidade da Coruña (CITIC), Altia e Khora Urban Thinkers. O programa estenderase ata o próximo 17 de decembro en formato híbrido, combinando sesións en liña síncronas os martes e xoves coas xornadas presenciais de apertura e peche.

A primeira sesión celebrouse onte no Centro de Servizos Avanzados nun acto inaugurado polo concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego. Durante a apertura, o concelleiro trasladoulles ás persoas participantes a folla de ruta da Coruña ante o avance da intelixencia artificial e destacou a importancia de potenciar o talento e as capacidades tecnolóxicas locais para impulsar solucións sostibles desde o propio territorio, optimizar os servizos públicos e abrir novas vías de crecemento para o sector TIC coruñés.

"Esta formación responde á aposta do Goberno municipal por modernizar os servizos públicos e xerar oportunidades de futuro e desenvolvemento económico a través dunha tecnoloxía ética e responsable. O coñecemento que hoxe compartimos aquí é clave para alcanzar estes obxectivos comúns", apuntou Borrego.

Un itinerario técnico avalado pola experiencia dos socios estratéxicos de Allocate

O programa formativo estrutúrase en oito módulos que aproveitan a experiencia de primeiro nivel das entidades socias e colaboradoras do proxecto. Tras a sesión inicial impartida por Khora Urban Thinkers sobre deseño urbano, a Universidade da Coruña (CITIC) liderará os bloques dedicados á introdución á IA sostible e ao desenvolvemento de algoritmos enerxeticamente eficientes.

Pola súa banda, Altia encargarase das ferramentas para medir o impacto ambiental, colaborando tamén coa UDC nun módulo sobre privacidade e seguridade, mentres que o Clúster TIC Galicia pechará o curso analizando casos prácticos. O programa conta coa colaboración especial da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA) para impartir os bloques de gobernanza, ética e marcos regulatorios como o AI Act.

Impulso á Comunidade Local de Computación

Este programa é unha acción clave da Comunidade Local de Computación (CLC) de Allocate, que se constituirá formalmente tras o curso para axudar a pemes, startups e investigadores a superar barreiras de infraestrutura e datos.

As entidades adheridas poderán acceder a una infraestructura de computación e datos urbanos da Coruña para probas de concepto, ademais de optar a tres axudas de 60.000 euros cada unha para proxectos de mobilidade, atención cidadá e tratamento de residuos.

Allocate conta cun investimento de 5,5 millóns de euros para o desenvolvemento do proxecto. Desta cantidade, 4,4 millóns proceden do FEDER, no marco da terceira convocatoria da European Urban Initiative, mentres que os 1,1 millóns restantes corresponden á achega municipal.

Comments


To comment, please login or create an account
Modify cookies